Francisco Fernández del Riego, o legado silandeiro
Héctor Cajaraville. (+11 anos)
Francisco Fernández del Riego (1913-2010) foi o principal dinamizador do galeguismo cultural tras o abrupto corte que supuxeron a Guerra Civil e a posguerra. Ademais de poñer en marcha todo tipo de proxectos encamiñados a recuperar a presenza do galego como lingua de cultura nunha sorte de «segundo Rexurdimento», durante gran parte da súa vida foi o alicerce ao redor do que se artellou o traballo conxunto entre os intelectuais do exilio, os que permaneceron no país tras a contenda e as novas xeracións de galeguistas que van xurdindo malia o difícil contexto da ditadura. Entre as súas iniciativas salienta a de crear en 1963 o Día das Letras Galegas. Sesenta anos despois o propio don Paco é a figura homenaxeada nesta efeméride.
Francisco Fernández del Riego, vida e obra dun obreiro do galeguismo
Ramón Nicolás.
Unha biografía divulgativa sobre Francisco Fernández del Riego, autor das Letras Galegas 2023. Un libro para entender que sucedeu no galeguismo e na cultura galega do século XX. A historia dunha persoa honesta e comprometida.
Conversas con Paco del Riego
Perfecto Conde
O 10 de abril de 2008, cando contaba xa 95 anos, Francisco Fernández del Riego e Perfecto Conde Muruais sentan diante dun magnetófono co propósito de falar libremente de todo o que se lles fose ocorrendo. Este libro é o resultado das conversas que durante máis de oito días mantiveron o veterano galeguista falecido en 2010 e o xornalista que «igual ca Philippe Marlow, leva con heterodoxia a súa condición de detective», en palabras de Manuel Rivas. Estamos ante un verdadeiro testamento cultural e político do que pensaba e do que representou don Paco del Riego ao longo da súa vida, un testemuño onde ispe a súa alma e estrulla os miolos para transmitir todo o que sabía, pensaba e sentía sobre Galicia. Un libro sincero e auténtico, espontáneo, onde o entrevistado achega informacións históricas de gran valía e que de seguro resultarán de moito interese.
Galicia
Francisco Fernández del Riego
Francisco Fernández del Riego propón nesta obra unha ampla e vizosa viaxe organizada en doce itinerarios ou peregrinacións co fío argumental que lle brindan uns amigos bretóns que veñen visitar o noso país e reciben a hospitalidade e a clarividencia do seu anfitrión. Galicia sitúase na liña da vella tradición de Vicente Risco, de Ramón Otero Pedrayo, de Álvaro Cunqueiro ou de Xosé María Castroviejo, pero non esquece a memoria dos antigos viaxeiros ilustrados que nos visitaron (Borrow, Ford) e que deixaron por escrito as experiencias do seu camiñar pola nosa terra.
«Foi o mestre Otero Pedrayo quen me abriu de par en par as portas do mundo xeográfico deste país noso. Quen me presentou primeiro a descrición física e humana, a realidade monumental, as notas do proceso histórico. Despois, os variados itinerarios que para coñecer Galicia na súa esencialidade cumpría percorrer. Otero Pedrayo, que era un animador inmenso, desenvolvéndose en múltiples campos da cultura, foi quen espertou en min o afán por coñecer Galicia toda como viaxeiro, como camiñante».
share