 |
|
|
 |
Rivas, Manuel (enviar correo)
Manuel Rivas (A Coruña, 1957), escritor e xornalista. Colaborador en diversos medios de prensa, radio e televisión. Director da revista Luzes de Galicia. Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao Autor do Ano, 2006. A súa obra, escrita orixinalmente en lingua galega, está traducida a máis de vinte linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como poeta publicou: Libro do Entroido (1979); Anisia e outras sombras (1981), en colaboración con Xavier Seoane; Baladas nas praias do Oeste (1985); Mohicania (1987); Ningún cisne (1989), Premio Leliadoura; Costa da Morte blues (Xerais 1994). Reuniu a súa obra poética en O pobo da noite (Xerais 1996) e en Do descoñecido ao descoñecido (Obra poética 1980-2003). Como narrador ten publicado: Todo ben (Xerais 1985 e Xerais Fóra de Xogo, 2010), novela curta; Un millón de vacas (Xerais 1989), relatos, Premio da Crítica Española 1990; Os comedores de patacas (Xerais 1991), novela; En salvaxe compaña (Xerais 2004), novela, Premio da Crítica Galicia; ¿Qué me queres amor? (1996), relatos, Premio Torrente Ballester 1995 e Premio Nacional de Narrativa 1996; Bala perdida (1996), novela xuvenil; O lapis do carpinteiro (Xerais 1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); Ela, maldita alma (1999), relatos; A man dos paíños (Xerais 2000), relatos; As chamadas perdidas (Xerais 2002), relatos, Contos de nadal (Xerais 2003), relatos e Os libros arden mal (Xerais 2006), novela, Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galega. Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega. A súa obra xornalística está recollida nos volumes Galicia, el bonsai atlántico (1989); No mellor país do mundo (1991); Toxos e flores (Xerais 1992); Galicia, Galicia (Xerais 1999), Muller no baño (Xerais 2002), Unha espía no reino de Galicia (Xerais 2004), Os Grouchos (Xerais 2008), A corpo aberto (Xerais 2008) e Episodios galegos (Xerais 2009). O heroe (Xerais 2005) é a súa primeira peza dramática. O sombreiro Chichiriteiro (Xerais 2009) é a súa primeira obra de literatura infantil.
|
| |
|
|
|